viernes, 1 de mayo de 2009

Chamamento do primeiro de maio do PCPG




Neste primeiro de maio paso a reproducir o chamamento PCPG para esta tan sinalada data, este chamamente sae reproducido no seu blog nacionalgaliza.blogspot.com, a eleccion deste chamamento e non de outros para ser colgado ben dado por o respeto e admiracion que merece dita organizacion, que representa o mellores valores do comunismo galego, e o mesmo tempo o mellor modo de levalos acabo. Unha aperta




"O 1 de Maio é unha data enormemente simbólica da nosa historia, sempre reivindicativa e de combate, de esixencia con nós mesmos como traballadores/as e revolucionarias/os.

123 anos atrás, os traballadores de Chicago, Estados Unidos, erguéronse en folga xeral contra a xornada de 14-16 horas e os malos tratos, contra os baixísimos salários e pola xornada de 8 horas. Aqueles folguistas foron duramente represaliados e algúns dos seus líderes, Albert Parsons, Adolfo Fisher, George Engel e Augusto Spies condenados á pena de morte e aforcados. A lembranza destes compañeiros asasinados que homenaxeamos cada ano é o xérmolo da conmemoración deste dia tan arraigado entre os/as traballadores/as galegos/as e o conxunto da Clase Obreira Mundial.

Hoxe conmemoramos aquel feito histórico inmersos na máis profunda crise económica dos últimos 80 anos, unha crise que está no cerne do capitalismo e atinxe a estructura vital deste sistema irracional, con nefastas consecuencias a nivel planetario que implican gravísimas repercusións na vida dos/das traballadores/as, que hoxe estamos cada vez máis lonxe de esquecernos de termos coma "explotación", "desigualdade", "emigración", “pobreza”, “fame”, “ precariedade"...

Hoxe temos máis motivos que nunca para sair á rúa contra as “flexibilizacións” laborais que pretenden recurtar máis ainda os nosos direitos, abaratar os despedimentos e facilitar cada vez máis a opresión do capital e as súas represalias sobre parte máis

consciente dos/as asalariados/as. Temos que erguer o noso protesto contra o latrocinio dos investimentos astronómicos cos que tentan defender os sacrosantos beneficios do grande capital e dos seus bancos, aseguradoras e multinacionais. Parar os intentos de

recurtar o noso poder adquisitivo co aval e consentimento dun sindicalismo domesticado, oficialista, traidor e antigalego, especialmente asentado nas “históricas” CCOO e UGT.

Un 1º de Maio de loita contra a explotación, a represión e a inxustiza; polo traballo digno e estabel na nosa terra, especialmente para a nosa mocidade traballadora que se vé na obriga de emigrar masivamente; pola contratación laboral indefinida con garantías laborais e prestacións sociais xustas e dignas. Pola liquidación da subcontratación e das ETTs explotadoras; polo aumento substancial do poder adquisitivo dos nosos salarios até, como mínimo, o nivel medio deste Estado expoliador, imperialista, coronado e borbónico ao que, polo de agora, estamos sometidos; pola confiscación do aparello bancario e financeiro e o seu control público e democrático (obreiro e socialista), extensivo a toda a economia productiva. Polo exercicio do dereito irrenunciabel (coma Nación e Povo traballador Galego) de xestionar os nosos recursos, gobernarmos a nós propios e decidir soberanamente: POR NóS MESMOS.

Este 1 de Maio, os/as traballadores/as galegos/as, xuntámonos, máis unha vez, con toda a clase obreira mundial para realizar unha acción universal de afirmación e protesto, marcando a diferenza coas cerimonias que tentan utilizar esta data para realizar os seus

shows e celebracións “festivas” que serven aos intereses da “paz social” das oligarquias burguesas e seus lacaios.

-Un 1º de Maio combativo a prol dos nosos irmáns de clase, galegos/as e de calquera parte do mundo, que loitan contra a inxustiza ou que sofren persecución, a represión e mesmo o maltrato nas cadeas.

-Un 1º de Maio a prol dos nosos irrenunciábeis dereitos sociais e nacionais desde a nosa profunda solidariedade internacionalista coas loitas anti-imperialistas que se dan en todo os continentes.

- Un 1º de Maio polo fin das guerras de agresión contra o povos palestino, iraquiano, afgano, etc., pola eliminación do bloqueo criminal e xenocida contra Cuba Socialista e pola liberdade dos Cinco Heroes Cubanos prisioneiros nos cárceres do imperio, orgullo e paradigma da humanidade polo seu exemplo de resistencia, firmeza e dignidade.

- Un 1º de Maio de reafirmación e combatividade de clase no que salientemos o noso espírito e convicción revolucionaria de mantermos unidos, con todas as nosas forzas, loitando até o fin polos nosos principios e ideas socialistas e comunistas, como foi sempre a través da nosa historia.

- Un 1º de Maio contra as forzas represoras da oligarquia e o seu sistema monárquico, carceleiro, corrupto e imperialista que tamén se manifestará, cada vez máis, con toda a súa truculencia contra as aspiracións sociais e nacionais que nos asisten como

povo.

-Un 1º de Maio de resistencia e denuncia da bestialidade do capital. Con vontade revolucionaria de vencer, consecuente co legado histórico do proletariado internacional.

Galiza, 1 de Maio de 2009

1º de Maio: Galiza contra o capitalismo. Socialismo ou barbarie!

ORGANIZACÉMONOS XÁ PARA UNHA FOLGA XERAL

POLOS NOSOS DEREITOS COMO CLASE E COMO POVO!.

CONTRA O GRANDE CAPITAL E O IMPERIALISMO!

POR UNHA GALIZA CEIVE E SOCIALISTA!. VIVA O 1º DE MAIO
Partido Comunista do Povo Galego (PCPG) [Voltar ao inicio desta nova]

No hay comentarios: